16/04/18

Encontro literario con Víctor Freixanes



Víctor Freixanes visitounos o pasado luns. Dicir que os mozos e mozas de 1º de bacharelato estivemos encantados de falar con el, sería quedar moi curtos, porque foi magnífico podelo escoitar de primeira man. Este é o meu quinto ano no centro, e levo asistido ás visitas de moitos autores, mais, sen desmerecer a ninguén, Freixanes sobresaíu entre todos eles. É un excelente comunicador que seduce coa palabra e foi quen de manter a nosa atención durante todo o encontro.
 Cabalo de ouros, a obra de lectura da pasada avaliación, non é unha obra sinxela, como el atinou a dicir, e ben é certo que nun primeiro momento a súa lectura nos resultou un tanto complicada (a algúns) pero, iso si... á maioría acabou por engaiolarnos!
Con Freixanes tivemos a oportunidade de afondar un pouco máis na obra e de coñecer aspectos seus que nin imaxinabamos. Soubemos que boa parte da historia que conta, aínda que novelada, ten que ver coa realidade. A posguerra silenciosa, ese medo a falar, a recordar o vivido, era real.  Igual ca moitos dos personaxes -como o cura de Boullón- que estaban inspirados nas xentes de Pontevedra. Contounos tamén que nun principio só tiña pensado escribir sobre a partida de cartas –habitual no momento- e que despois intercalou esoutras historias, e mesmo nos fixo partícipes do pracer que lle supuxera escribir o epílogo, o empoderamento! Fora durante unha viaxe a México, quedara na habitación do hotel e sentara diante do ordenador para darlle voz a aquelas dúas mulleres.  Disque parecía que falasen soas, e disque foi aí cando se decatou de que a verdadeira historia da novela a escribira naquelas derradeiras páxinas.
Unha obra próxima a nós, unha obra de aquí, da terra, onde Freixanes tratou de nos devolver aos mundos da posguerra a través dun léxico enxebre que destaca na narración, e que podemos recoñecer con familiaridade na fala dos avós (así o quería el). 
Pero non só iso, a sesión deu para moito! Achegounos un pouco á súa vida. Sorprendeunos saber que os tíos do narrador son, en realidade, os tíos do propio Freixanes, represaliados na posguerra, e aos que el lles quixo render unha homenaxe restituíndolles a memoria. Este feito dificultou o seu acceso a unha bolsa de estudos universitarios, xa que non se lle concedía a estudantes con aqueles “antecedentes” familiares. Falounos do seu traballo na radio e de profesor, e do seu amor polas palabras: para el sono todo.
Con  todo, se eu tivese que destacar algo da sesión, quedaría coa proximidade e o cariño co que nos tratou, que falan moito da súa valía e sitúan o escritor por riba da súa obra.
Gustounos moito terte entre nós. Vento nas velas, presidente!

Lucía Pérez López, 1º bacharelato B

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas